UN POUCO DA HISTORIA DA PLATAFORMA 

 

              A PLATAFORMA CIDADÁ POLA SUPRESIÓN DA PEAXE créase no 1998 agrupando a numerosas Asociacións de Veciños e Federacións das comarcas de Vigo, O Morrazo e Pontevedra como consecuencia das negativas reiteradas tanto do goberno central como do parlamento galego ante as propostas presentadas por tódolos grupos da oposición a favor da supresión da peaxe da Ponte de Rande.

 

             Un obxectivo que nos marcamos desde o comezo foi o de incluir a tódolos sectores sociais e desa maneira conseguir que a reivindicaciónfora unánime, non partidaria. Así é que tódolos sindicatos, Asociacións do transporte de viaxeiros, do Comercio, Xuntas de Montes, partidos políticos –agás o PP- e outros colectivos apoian á Plataforma coa súa presencia e incluso economicamente.

 

             A presencia nos medios de comunicación no primeiro ano era moi limitada e quedaba reducida ás páxinas das edicións locais.

 

             Elíxese unha Xunta Directiva con representacións das diversas localidades que se reune periodicamente e dun xeito itinerante. Un grupo de deseñadores elabora un logotipo que se vai utilizar coa Ponte de Rande como símbolo e un r co lema Rande une, a peaxe discriminae coas cores amarela e azul.

 

             Plantéxase unha campaña de concienciación e de denuncia do trato discriminatorio que se dá a Galicia desde o ministerio de fomento a esta problemática de ter que pagar peaxe na Ponte de Rande por acceder diariamente a servicios que teoricamente son gratuitos para o resto dos cidadáns (ensino, sanidade) ou ó traballo diario cando non existe vía alternativa.

 

             A partires de febreiro de 1999 decídese pasar ás mobilizacións co “pago a modiño” en pesetas na estación de peaxe do Morrazo, no acceso norte da Ponte de Rande e desde ese momento increméntase notablemente a presencia nos medios. Era a novidade. Despois da primeira mobilización do 7.03.99 ralentizando a circulación e provocando longas caravanas de vehículos comeza a verdadeira campaña.

 

             A garda civil toma nota das matrículas dos participantes, coacciona, intimida e trata de impedir as caravanas de usuarios que fan uso do dereito legal de pagar “a modiño” e un grupo de insubmisos comeza a pasar sen pagar. A garda civil intervén e realiza numerosas denuncias de tráfico propoñendo multas de 15.000 pts. que se recurren sistematicamente. Pídenselle explicacións o subdelegado do goberno en Pontevedra.

 

             Os medios de comunicación envían xornalistas ás mobilizacións, FARO DE VIGO, VOZ DE GALICIA, ATLÁNTICO DIARIO, DIARIO DE PONTEVEDRA, TELEVIGO, ANTENA 3, TELE 5, TELEVISIÓN DO MORRAZO e, en menor medida, TVE e TVG.

 

             As emisoras de radio entrevistan ós portavoces da Plataforma: Cadena SER, Radio-Voz, Onda Cero e en menor medida a COPE, RNE ou a Radio Galega. Radio-Voz convoca un debate en Vigo que se reflicte no xornal LA VOZ DE GALICIA nunha dobre páxina, convoca unha mesa redonda con representantes dos partidos políticos, empresarios e Plataforma, a COPE organiza unha tertulia en Pontevedra con traballadores de AUDASA e a Plataforma. A cadena SER destaca entre os medios radiofónicos polo seguimento das mobilizacións e realiza numerosas entrevistas a portavoces da Plataforma e un debate entre un deputado do PP e o presidente da Plataforma. As demais emisoras limítanse a insertar algún corte das declaracións antes e despois das mobilizacións, agás a Radio Galega que en tres anos realizaría tres ou catro entrevistas e “permitíu” unha entrada en directo no programa das mañáns.

 

             TELEVIGO, TPMORRAZO e GALIVISIÓN (Marín) realizan entrevistas ó Presidente da Plataforma e no primeiro caso compleméntase con chamadas e respostas en directo dos teleespectadores.

 

             Desde a Plataforma facilítanse comunicados de prensa previos ás mobilizacións, das conclusións das reunións da directiva, valoracións dos acordos do consello de ministros ou do ministerio de fomento, etc. ás delegacións locais dos medios e a Europa Press.

 

             O 2 de maio de 1999 prodúcese unha detención nun “pago a modiño” que consideramos ilegal e outra dous días máis tarde. Os detidos son identificados e levados a Pontevedra e Moaña e postos en liberdade horas máis tarde. A Plataforma denuncia ós axentes da garda civil no xulgado por “detencións ilegais” e os axentes e o subdelegado do goberno denuncian a máis dunha ducia de usuarios por supostos delitos de “desobediencia, desórdenes públicos, concentracións, manifestacións,...” Inícianse tamén varios expedientes administrativos por estas primeiras protestas pacíficas.

 

             Este cruce de denuncias pasa ó xulgado de Cangas e resulta favorable de cara á publicidade da reivindicación porque a Plataforma contrata a un gabinete de avogados que desde aquela asesora xuridicamente ós denunciados, deféndeos nos xuízos que se celebran un ano máis tarde e todos quedan absoltos. A Plataforma reúnese varias veces co subdelegado do goberno en Pontevedra e convoca ós medios cada vez que o fai. (Asisten LA VOZ DE GALICIA, FARO DE VIGO, DIARIO DE PONTEVEDRA E TELEVISIÓN DE PONTEVEDRA).

 

             A problemática dos medios, coas edicións locais ou comarcais, impide dar a coñecer o conflicto noutros lugares e contactar con outros movementos semellantes que de feito existen noutros sitios. Somente se aparece nas páxinas de Galicia cando hai unha grande mobilización ou noticias relacionadas co parlamento galego ou co goberno central, cando se realizan entrevistas con Cuíña, Palmou ou outros líderes da oposición. Ás veces tamén aparecen nas páxinas de Galicia as opinións de persoeiros do PP relacionadas co tema e as respostas da Plataforma son relegadas ás páxinas locais contribuindo a que moitos lectores se queden cunha parte da información.

 

             A Plataforma convoca roldas de prensa en Vigo, Pontevedra e O Morrazo con certa frecuencia para valorar acordos do ministerio de fomento que afectan a outras comunidades autónomas, para anunciar mobilizacións, a edición de boletíns informativos, campañas publicitarias, canción reivindicativa, conclusións das reunións celebradas cos Alcaldes das cidades e vilas afectadas,... tendo como resultado unha boa cobertura nos medios privados, aínda que as informacións son relegadas, na meirande parte das veces ás páxinas locais. Tense dado o caso de repetir as roldas de prensa no mesmo día en Vigo e Pontevedra para subsanar este erro.

 

             Para chamar a atención dos medios a Plataforma ten que diversificar as accións reivindicativas, innovando constantemente e contando cun grande apoio social: Así un grupo coral grava unha canción que se edita en formato CD e cassette, un grupo de teatro anima a participar nas mobilizacións diante de dúas reproduccións das cabinas de peaxe a tamaño real, pechámonos nalgunha institución, realizamos unha “peregrinación festiva” ó monte Ermelo, encontros con outros líderes de Plataformas de Catalunya onde xa conseguiron a supresión da peaxe, contactos co xerente de Xarxa Viaria –organización que agrupa a 120 concellos cataláns-, edítanse carteis diferentes para cada marcha coa colaboración dos fotoxornalistas, camisetas, tarxetas de nadal para enviar ós políticos da Xunta e do goberno central, “Ter-jeta de PP Cuíña” imitando unha da concesionaria, pegatinas para os vehículos e outras para cada manifestación...

 

             Outras actividades en plan relatorio:

 

. Legalización da Plataforma como Asociación, Presentación dun recurso contencioso ante o Tribunal Supremo admitido a trámite, Reparto de Bonos-Axuda para recaudar fondos, Envíos de documentación ó Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo, Presidentes Aznar e Fraga, Cascos, Rajoy, Cuíña,... e publicación das respostas.

. Envíos de artigos de opinión ó FARO DE VIGO E VOZ DE GALICIA de diferentes membros da Plataforma, Repartos de octavillas e pegatinas entre os usuarios da A-9 en horas de 6 a 8 da mañán cando todos se dirixen ó traballo, Sorteos entre os participantes nas mobilizacións (Caixa de viño, xamón), Premios ás pancartas máis orixinais, Edición dun cartel imitando do do PP da campaña das pasadas eleccións xerais Hechos facendo referencia ás supresións de peaxes en Catalunya en contraste coas rebaixas e promesas para Galicia, Acudir a actos de dirixentes do PP (inauguracións, mitins, conferencias-coloquio) e intervir cando é procedente con Cuíña, Pío Cabanillas, Convidar a persoeiros da cultura para ler os manifestos a favor da supresión da peaxe despois das marchas (Suso de Toro, “Morris”, Antón Reixa e outros), Enviar un dossier a INTERVÍU por petición da revista que publicou varias páxinas en xullo do 2001...

 

             Nestes catro anos houbo unha adquisición de experiencia e aprendizaxe no tratamento informativo de diferentes temas, aprendemos a dosificar a información ou a publicar o que interesaba en cada momento. Houbo que estudiar abundante documentación, anuarios do grupo ENA, estar atentos ás publicacións relacionadas coas peaxes e manter unha capacidade de resposta ante diversas situacións que se foron producindo (documentos da Xunta, declaracións de Fraga, Cascos, liberación da peaxe no tramo Teis-Puxeiros en Vigo, etc.)

 

         En resume, observamos que desde os medios de comunicación privados houbo un tratamento favorable –con moitos matices- cecais porque é unha reclamación unánime e os agravios comparativos quedaron ben patentes e demostrados.  Algúns medios chegaron a publicar Editoriais a favor das nosas teses e outros publicaron columnas de opinión de xornalistas tamén a favor da reivindicación ou criticando decisións do goberno central ou da Xunta discriminatorias coa Galicia do sur. Na prensa estatal estivemos practicamente ausentes.